Se a túa idea de negocio ten contidos innovadores ou tecnolóxicos, poderías beneficiarte de diversas axudas se se cualifica como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica ou IEBT. Esta cualificación, que corresponde á Consellería de Economía, Emprego e Industria, pode axudarche a conseguir un apoio extra, dado o especial interese deste tipo de iniciativas.

A través deste programa de apoio a Consellería busca fomentar este espírito innovador emprendedor, principalmente no ámbito do persoal investigador e as persoas tituladas universitarias, nas distintas áreas de coñecemento (científico, técnico ou nas humanidades).

As axudas se centran en tres liñas diferentes:

1. A primeira vai en función da idade, o sexo e a titulación das persoas contratadas

2. A segunda está destinada a apoiar a contratación de persoal técnico de alta cualificación que se requira na IEBT

3. E a terceira liña busca a posta en marcha do proxecto empresarial e vai en función dos postos de traballo xerados durante o primeiro ano de actividade

 

Ademais, as persoas emprendedoras solicitantes contan co especial apoio das universidades públicas galegas, que dispoñen de persoal especializado para poder asesorarche na elaboración do plan de empresa e no lanzamento da actividade innovadora, contando cunha rede específica para asegurar as mellores perspectivas de éxito e consolidación.

 

 Se queres saber máis sobre como é a cualificación dunha iniciativa como IEBT, accede neste enlace á ficha do procedemento na Sede Electrónica da Xunta de Galicia e obtén toda a información actualizada:

Cualificación da IEBT

Se o que queres é solicitar unha axuda para unha IEBT, accede neste enlace á Sede Electrónica, que dispón de toda a información:

Convocatorias de axudas ás IEBT

"As IEBT permiten consolidar iniciativas emprendedoras de alto valor engadido e cun nivel tecnolóxico moi elevado, apoiándose no coñecemento e no valor da experimentación"