O contrato de traballo

Un contrato de traballo é un acordo entre a empresa e a persoa traballadora polo que esta se obriga a prestar determinados servizos por conta da primeira e baixo a súa dirección, a cambio dunha retribución.

O contrato de traballo poden asinalo:

  • As persoas maiores de idade (18 anos).

  • As persoas menores de 18 anos legalmente emancipadas.

  • As persoas maiores de 16 e menores de 18 se teñen autorización dos pais ou de quen as teña ao seu cargo. Se viven de forma independente, co consentimento expreso ou tácito dos seus pais ou titores.

  • As persoas estranxeiras de acordo coa lexislación que lles sexa aplicable.

A formalización de contratos

O contrato de traballo pode formalizarse por escrito ou de palabra. É obrigatorio por escrito cando así o esixa unha disposición legal, e sempre nos contratos que se relacionan:

  • Prácticas.

  • Formación.

  • Para a realización dunha obra ou servizo determinado.

  • A tempo parcial, fixo descontinuo e de substitución.

  • A domicilio.

  • Persoas traballadoras contratados en España ao servizo de empresas españolas no estranxeiro.

  • Os contratos por tempo determinado, cuxa duración sexa superior a catro semanas.

Cada unha das partes poderá esixir que o contrato se celebre por escrito, en calquera momento do transcurso da relación laboral.

Período de proba

Establecer ou non un período de probas é optativo e de acordalo, deberase reflectir por escrito no contrato.

A súa duración máxima establecerase nos Convenios Colectivos, e na súa falta a duración non poderá exceder de seis meses para as persoas técnicas tituladas, ou de dous meses para o resto das persoas traballadoras, computándose a efectos de antigüidade. Nas empresas con menos de 25 traballadores, o período de proba non poderá exceder de tres meses para as persoas traballadoras que non sexan técnicas tituladas.

Durante o período de proba, a persoa traballadora terá os mesmos dereitos e obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, coma se fose un máis do persoal e poderase rescindir a relación laboral por vontade de calquera das partes, sen alegar causa algunha e sen preaviso, salvo pacto en contrario.

A situación de incapacidade temporal que afecte á persoa traballadora durante o período de proba interromperá o cómputo do mesmo, sempre que se produza acordo entre ambas as partes.

Non se poderá establecer período de proba cando a persoa traballadora xa teña desempeñado as mesmas funcións con anterioridade na empresa, baixo calquera modalidade de contratación.

Duración dos contratos

Un contrato de traballo pode ser indefinido (tradicionalmente coñecido como fixo), ou ben ter unha duración determinada (ou temporal). En principio todo contrato de traballo é indefinido e a xornada completa, salvo que no contrato de traballo se estableza o contrario.

As normas que regulan cada tipo de contrato temporal, establecen cal é a duración mínima e máxima do contrato.

No seguinte enlace tamén podes acceder aos distintos modelos de contratos laborais actualmente en vigor:

Modelos de contratos

 Se queres afondar na información sobre a contratación de persoas traballadoras no portal web do SEPE podes facelo neste enlace:

Portal web do SEPE

Tamén é importante coñecer os dereitos e obrigas que supón a formalización dun contrato laboral:

O contrato de traballo. Dereitos e deberes