Dun modo sinxelo unha oferta de emprego é unha solicitude que presenta unha empresa perante o Servizo Público de Emprego de Galicia para cubrir un ou máis postos de traballo, referida a unha ou máis ocupacións, co obxectivo de que realice as xestións pertinentes coas persoas demandantes que ten clasificado, para avaliar cales se adaptan mellor aos requisitos definidos e proceder ao envío dos seus currículos para a inclusión no proceso de selección.

Como defino os requisitos dunha oferta de emprego?

A oferta de emprego é o documento fundamental para o SPEG á hora de realizar a preselección de persoas candidatas, sendo básico definir axeitadamente os requisitos necesarios para obter un resultado máis eficaz.

Por este motivo, é importante ter en conta as seguintes cuestións:

  • Se non tes claros os requisitos ou ocupacións a incluír na oferta, nas nosas oficinas de emprego encontrarás persoal especializado que che prestará o seu apoio para unha axeitada concreción dos seus contidos.

  • É conveniente que a persoa que defina os requisitos sexa a mesma que realice a selección, ou polo menos unha das que vai participar activamente nela. Só dese xeito poderá asegurarse un axeitado nivel de axuste coas necesidades reais.

Como tramito unha oferta de traballo?

Para presentar a túa oferta de emprego podes acudir á oficina de emprego máis próxima e entregar cuberto o modelo de oferta de emprego, acompañado da documentación que nel se indica.

Podes descargar o modelo de oferta no seguinte enlace:

Modelo de oferta de emprego

 

Tamén dispós dun buscador de oficinas de emprego no seguinte enlace, onde podes localizar a oficina ou centro máis próximo:

Buscador de centros

De que forma xestiona o Servizo Público de Emprego a miña oferta?'

Unha vez entregada a túa oferta, o persoal da oficina de emprego realizará a sondaxe para buscar as persoas candidatas que mellor se axusten á mesma.

Por norma xeral, se envían ás cinco persoas máis adaptadas aos requisitos definidos.

Ademais, se o desexas, dende a oficina de emprego se pode xestionar a convocatoria das persoas candidatas para que acudan a unha entrevista ás instalacións da túa empresa.

E, como complemento desta xestión, dende o SPEG pódese facer difusión da oferta a través deste Portal Web, tanto na zona pública como na Oficina Virtual, a través da rede de oficinas de emprego e a través de prensa.

Como dou por pechada unha oferta de traballo?

Unha vez examinadas as persoas candidatas na entrevista persoal, o único que che pedimos é que comuniques á oficina de emprego responsable da xestión o resultado de cada unha destas entrevistas para adecuar os resultados da clasificación de cada persoa demandante e poder pechar axeitadamente o proceso de selección.