O contrato de traballo. Dereitos e deberes
Dereitos e obrigas xerais
Un contrato de traballo leva aparellados uns dereitos para a persoa traballadora, que se converten en obrigas para a persoa empresaria. Ao mesmo tempo, as obrigas que contrae a persoa traballadora convértense en dereitos da persoa empresaria.
A persoa empresaria contrae obrigas con:
- A persoa traballadora: Cando a relación laboral sexa de duración superior a catro semanas, a persoa empresaria deberá informar por escrito á persoa traballadora sobre os elementos esenciais do contrato e as principais condicións de execución da prestación laboral, sempre que tales elementos e condicións non figuren no contrato de traballo formalizado por escrito.
- Os representantes legais das persoas traballadoras: Tamén deberá entregar aos representantes legais das persoas traballadoras, unha copia básica dos contratos formalizados por escrito (con excepción dos contratos de relacións especiais de alta dirección, para os que é suficiente a notificación), así como as prórrogas dos devanditos contratos e as denuncias dos mesmos, tendo para iso o mesmo prazo de 10 días. A copia básica conterá todos os datos do contrato a excepción do número do DNI, enderezo, estado civil e calquera outro dato que poida afectar á identidade da persoa interesada. Posteriormente, a dita copia básica enviarase ao Servizo Público de Emprego. Cando non exista representación legal das persoas traballadoras tamén deberá formalizarse copia básica e remitirse ao Servizo Público de Emprego.
- Emprego Galicia: Las personas empresarias están obrigadas a comunicar ao Servizo Público de Emprego no prazo dos 10 días seguintes á súa concertación e nos termos que regulamentariamente se determinen, o contido dos contratos de traballo que celebren ou as prórrogas dos mesmos, deban ou non formalizarse por escrito.
Dereitos e deberes da persoa traballadora
Son dereitos de calquera persoa traballadora:
- Á ocupación efectiva durante a xornada de traballo.
- Á promoción e formación no traballo.
- A non ser discriminadas para acceder a un posto de traballo.
- Á integridade física e á intimidade.
- A percibir puntualmente a remuneración pactada.
- Aos demais que se establezan no contrato de traballo.
E son deberes da persoa traballadora:
- Cumprir as obrigacións concretas do posto de traballo conforme aos principios da boa fe e dilixencia.
- Cumprir as medidas de seguridade e hixiene que se adopten.
- Cumprir as ordes e instrucións da persoa empresaria no exercicio da súa función directiva.
- Non realizar a mesma actividade que a empresa en competencia con ela.
- Contribuír a mellorar a produtividade.
- Aos demais que se establezan no contrato de traballo.
