Para facilitar o cumprimento deste trámite, e para que non teñas que achegarte a túa oficina de emprego, Emprego Galicia pon en marcha unha nova canle: a renovación da demanda de emprego tamén mediante un número persoal de identificación (habitualmente coñecido como PIN).
Con esta vía adicional para a renovación da demanda, Emprego Galicia busca facilitar aínda máis a súa realización, engadíndose así á renovación a través da Oficina virtual do portal de emprego e a través da aplicación Mobem (para dispositivos móbiles).
Envío do número PIN
Este PIN (número persoal de identificación), composto por catro cifras, envíase por correo electrónico a todas aquelas persoas demandantes que teñan rexistrado un na súa demanda de emprego. Lembra que o dito PIN é persoal e intrasferible.
Ademais, se non tes unha conta de correo electrónico asociada á túa demanda, recibirás unha mensaxe SMS no teléfono móbil que teñas asociado á túa demanda de emprego.
Por iso, non esquezas que é moi importante que manteñas actualizados os datos persoais da túa demanda de emprego.
Como renovar a demanda de emprego mediante o PIN
Unha vez que teñas o teu PIN poderás renovar a túa demanda de emprego mediante unha chamada ao 012 (981 900 643 se chamas desde fóra de Galicia) ou a través deste portal web pulsando no seguinte enlace.
No seguinte vídeo podes ver máis claramente os pasos para realizar a renovación da túa demanda de emprego utilizando o teu PIN: