A continuación che detallamos algúns dos obxectivos e das fases que debes ter sempre presentes á hora de acudir a unha entrevista para optar a un posto de traballo.

Os obxectivos que pretende a persoa que entrevista

  • Indagar se es a persoa adecuada ou idónea para o posto.

  • Descubrir se podes, sabes e queres ocupar o posto.

  • Predicir o teu rendemento no posto.

Os teus obxectivos ao acudir a unha entrevista de emprego

  • Demostrar que sabes, podes e queres ocupar o posto.

  • Transmitir a túa competencia laboral para o posto.

  • Probar que o teu interese é real.

Fases ou partes da entrevista

Por outra banda, é importante tamén facer un breve repaso sobre as fases ou partes da entrevista.

  • O saúdo: é a primeira impresión persoal que a persoa que che entrevista vai ter de ti. Espera a que ela se dirixa a ti. Estreita a súa man cordialmente cando cha ofreza e preséntate con naturalidade.

  • Charla introdutoria: normalmente, adóitase comezar con temas intranscendentes para establecer unha relación de confianza e disipar calquera temor.

  • Conversación sobre o posto: comezará dándoche información sobre as condicións do traballo. Posteriormente, a persoa que che entreviste recollerá a información sobre ti: datos persoais, formación, experiencia, funcións, motivacións, adecuación do teu CV. Aquí se inclúen tamén aquelas probas orais ou escritas (test, preguntas, exames, ...) que a persoa entrevistadora considere necesarias para axudarlle a avaliar o teu perfil profesional.

  • Final da entrevista: neste momento, podes consultar calquera dúbida relacionada coa empresa, as condicións de traballo e o proceso de selección. Con elas demostrarás o teu interese polo posto de traballo. Aproveita a ocasión para demostrar os teus coñecementos.

  • Despedida: o obxectivo é asegurar o seguinte contacto dentro do proceso de selección. É moi importante que te amoses cordial na despedida, pensa que te están observando ata o último instante.