Se estás en paro e estás a buscar traballo, o teu futuro pode pasar polas novas Lanzadeiras Conecta Emprego que estamos a promover en Galicia.
Esta iniciativa, totalmente gratuíta para as persoas participantes, está impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, Fundación Santa María la Real e Fundación Telefónica, co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, dentro do Programa Operativo POISES.
Lanzadeiras Conecta Emprego presenta dúas grandes actividades cunha transformación dixital progresiva:
1. ALFABETIZACIÓN DIXITAL
Curso dun mes de duración para mellorar habilidades dixitais básicas para a busca de emprego.
Trátase de adestrar a 10 persoas desempregadas con escasas competencias dixitais que necesitan adquirir competencias básicas para non quedar atrás na busca de traballo.
2. LANZADEIRA CONECTA EMPREGO
Trátase de adestrar a 20 persoas desempregadas para activar e optimizar a súa procura de traballo, probando novas técnicas e ferramentas, acordes ao novo mercado laboral e ás necesidades das empresas.
Contarase coa axuda dun/a técnico/a e orientador/a profesional e estarase tamén con outras persoas desempregadas, que se axudarán mutuamente a buscar traballo.
Xuntos/as, as oportunidades multiplícanse!
Cada persoa elixe unha opción, en función do seu nivel de competencias dixitais. Cada actividade é diferente con actividades, contidos, metodoloxía e duración diferentes.
Que actividades se farán na Lanzadeira?
- Aprenderase a actualizar o currículo e adestrarse en procesos de selección reais, con simulacións de entrevistas de traballo.
- Coñeceranse novas técnicas de comunicación e marca persoal, para saber presentarse mellor a un posto de traballo.
- Reforzarase a procura de emprego na Internet, en portais de emprego e redes sociais, con talleres para manexalas correctamente.
- Todos xuntos faran un rastrexo de empresas da contorna e se visitarán para dalos a coñecer como profesionais.
Que resultados teñen as Lanzadeiras de Emprego?
Con este esquema funcionaron máis de 500 Lanzadeiras de Emprego por todo o país, con máis de 11.000 participantes, dos cales o 60% conseguiron modificar e mellorar a súa situación laboral: atopando un traballo por conta allea, promovendo o seu propio negocio ou realizando Certificados de Profesionalidade que levaban prácticas laborais.
Quen pode participar?
Poden participar homes e mulleres con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos que se atopen en situación de desemprego.
Poden ter calquera nivel de estudos (Sen estudos, Graduado escolar, ESO, Formación Profesional, Bacharelato, estudos universitarios, …) e proceder de calquera sector laboral, teñan ou non experiencia previa.
ANÍMASTE A PARTICIPAR?
Despois de ter desenvolvido os programas da Coruña, Arteixo e Santiago de Compostela, de continuar en Lalín, Lugo e Ourense, ata o momento se desenvolveron tamén os programas Lanzadeiras "Alfabetización dixital" da Coruña, Carballo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo (pincha na imaxe para acceder a máis información):

Proximamente abriranse novas actividades para seguir impulsando esta fórmula de capacitación e mellora para achegarse con máis competencias ao mercado laboral.
Notas importantes ante preguntas frecuentes das persoas usuarias
- A Lanzadeira de emprego NON é un mero curso para actualizar o CV, senón un programa máis completo e intensivo no que se aprende a buscar traballo tendo en conta as coordenadas laborais actuais.
- A Lanzadeira de emprego NON é unha axencia de colocación na que se dan ofertas de traballo, senón que os seus vinte participantes axudaranse mutuamente a buscar traballo. Non haberá competencia senón cultura colaborativa para saír da fochanca do desemprego.
- A participación na Lanzadeira de Emprego é voluntaria, non está suxeita ou condicionada polo mantemento dunha axuda ou prestación. Poderán participar as persoas que cumpran os requisitos e que así o desexen, cumprindo as normas de asistencia e compromiso de colaboración.
- A participación na Lanzadeira de Emprego é gratuíta. As persoas que integren o programa non terán que pagar nada pola formación que reciban durante este período; pero tampouco recibirán remuneración algunha.