EMPREGO GALICIA PARA DEMANDANTES DE EMPREGO
De xeito específico, se estás a buscar emprego, os servizos que poderás encontrar a través de Emprego Galicia son:
-
Inscrición e clasificación da túa demanda de emprego, determinando da forma máis detallada e rigorosa posible o teu perfil, a túa dispoñibilidade para acceder a un posto de traballo e o axuste do teu perfil aos requisitos competenciais esixidos para as ocupacións solicitadas.
-
Orientación laboral para apoiarte no teu proceso de autocoñecemento, na forma de presentarte a empresas, resolver as túas dúbidas no ámbito ocupacional..., con posibilidade de acceder a un Itinerario Personal de Inserción (IPI) se reúnes as características establecidas.
-
Formación para o emprego e programas experienciais, para mellorar a túa formación e/ou experiencia en relación ás ocupacións ás que queres acceder, mellorando polo tanto o teu axuste ao perfil requirido polo mercado e aumentando as túas posibilidades de acceder a un posto de traballo.
-
Certificación de profesionalidade, en caso de que non dispoñas de formación específica en relación a unha especialidade (porque non a adquirises ou porque non exista titulación), pero si tes experiencia abondo en relación a esta como para obter por parte de Emprego Galicia unha acreditación que evidencie fronte a terceiros este coñecemento e experiencia.
-
Intermediación laboral, cruzando os datos da túa demanda cos requisitos solicitados nas ofertas de emprego xestionadas por Emprego Galicia, facendo chegar as demandas máis axustadas á persoa empregadora para a súa consideración e xestión nos seus procesos de selección de persoal.
-
Información sobre ofertas de emprego de diversos ámbitos xeográficos (local, provincial, galego, español e europeo) e os medios de contacto, para a remisión de solicitudes de emprego.
-
Información sobre o mercado laboral dentro do teu ámbito de interese (por ámbito xeográfico e por ocupacións) configurable, completa e actualizada, como apoio ao teu proceso persoal de busca activa de emprego.
-
Apoio ao autoemprego e ás iniciativas de economía social a través de axudas de Promoción do Emprego, elaborando informes en relación aos proxectos presentados polas persoas demandantes de emprego que poidan presentar un carácter máis emprendedor.