A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, dentro da súa proposta de achega de valor ás empresas e entidades que están a buscar persoas candidatas para os procesos de selección que teñan abertos en cada momento, pon en marcha unha canle de colaboración a través dun sistema para dar a máxima difusión das ofertas de emprego promovidas por aquelas.

Esta canle, materializado a través da sinatura dun protocolo de adhesión ao sistema de difusión de ofertas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, achega ás entidades e empresas empregadoras a posibilidade de aunar esforzos e aumentar as canles de información para atopar candidaturas que cumpran cos requirimentos das entidades oferentes, utilizando tanto a rede de oficinas de emprego de toda a comunidade autónoma, como as canles propias do portal de emprego da Consellería, do portal Empléate do Sistema Nacional de Emprego e do portal EURES da Unión Europea.

Trátase con elo de que todas as ofertas de emprego que se promovan en Galicia conten coa máxima difusión e capacidade de visibilidade para que ninguna quede baleira e sen candidaturas, facilitando o desenvolvemento das persoas traballadoras e aumentando o número de persoas ocupadas no seu ámbito.

Ao mesmo tempo, a Consellería porá tamén ao servizo da súa difusión as Intranets da rede de oficinas de emprego e do Servizo de Orientación Laboral, así como a rede social LinkedIN, comprometéndose en todo caso a pór a súa disposición todos os seus recursos persoais, materiais e tecnolóxicos para obter candidaturas axustadas aos postos de traballo ofertados.

Por outra banda, a entidade debe comprometerse a promover a achega de ofertas de emprego ao Servizo Público de Emprego de Galicia e a dar a correspondente información sobre o estado das mesmas para que os contidos e postos difundidos estean sempre actualizados.

Para participar nesta iniciativa, a entidade deberá cubrir o seguinte formulario e, trala súa verificación, proceder á sinatura do protocolo de adhesión como o modelo que se achega tamén a continuación.

 

Formulario de adhesión

Modelo do protocolo de adhesión