Con este Programa de arraigo para a formación búscase acadar, por un lado, persoal coa formación necesaria para cubrir postos de traballo que ofertan as empresas e por outra parte, incorporar ao mercado laboral a persoas que se atopan traballando de maneira precaria ou en situación irregular. Ademais, evitarase tamén que estas persoas que desexan traballar se vexan obrigadas a acudir a determinado tipo de autorizacións como son as de residencia por circunstancias excepcionais e, máis concretamente, aos denominados arraigos laboral e social.
Sendo así, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inicia con este programa un proceso de formación dirixido a persoas inmigrantes en situación irregular, cuxo obxectivo é que estas poidan obter unha autorización de residencia e de traballo facilitando a súa integración sociolaboral e poder regularizar a súa situación.
Os requisitos das persoas ás que vai destinada esta iniciativa son os seguintes:
- Acreditar unha permanencia continuada en España durante un período mínimo de dous anos previos á solicitude de autorización de residencia. Para estes efectos, as ausencias de España non poderán superar os 120 días nun período de tres anos, ou 90 días nun período de dous anos.
- Carecer de antecedentes penais en España e no seu país de orixe ou no país ou países nos que residira durante os últimos cinco anos.
- Comprometerse a realizar unha formación que responda á tipoloxía das recollidas no apartado b) do dito artigo 124 e tendo en conta o establecido tamén na instrución primeira, punto 1, apartados b),c) e e) das Instrucións SEM 1/2022 sobre o arraigo para a formación e outras cuestións comúns ás autorizacións de residencia temporal por motivos de arraigo previstas no artigo 124 do Regulamento de estranxeiría, aprobado polo Real Decreto 557/2011, do 20 de abril.
- Non ser cidadán dun Estado da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou de Suiza, ou familiar de persoas cidadás destes países aos que lles sexa de aplicación o réxime de cidadanía da Unión.
- Non atoparse, se é o caso, dentro do prazo de compromiso de non retorno a España que a persoa estranxeira tivera asumido ao retornar voluntariamente ao seu país de orixe.
- Non ter prohibida a entrada en España e non figurar como rexeitable no espazo territorial de países cos que España teña asinado un convenio en tal sentido.
- E deberá estar empadroada nalgún concello galego.
Dentro do Programa de arraigo para a formación se inclúen, entre outras, as seguintes accións:
- Elaboración do itinerario individualizado de arraigo para a formación no que deberán incluírse accións de diagnose, deseño, seguemento e acompañamento do proceso de arraigo para a formación, e accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades para acceso e permanencia no mercado laboral.
- Formación capacitante para obter a autorización de arraigo para a formación e tendo en conta os resultados obtidos da fase de prospección empresarial.
- Formación en igualdade.
- Asesoramento e apoio na formación para a obtención do permiso de condución clase B1.
- Inserción laboral das persoas participantes que deberá ser a través dun contrato de traballo relacionado coa familia profesional da formación recibida e acreditada no arraigo para a formación.
- Acompañamento ás persoas participantes durante todo o proceso de arraigo para a formación, incluída a fase de inserción laboral, e seguimento individualizado de cada unha das persoas participantes no programa.
A relación de entidades colaboradoras participantes deste Programa de arraigo para a formación son as seguintes:
Cáritas Diocesanas de Lugo
Tlfno.: 982 242 009
Correo electrónico: secretariageneral@caritaslugo.es
Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia
Tlfno.: 658 760 663
Correo electrónico: arraigo@efagalicia.org
Cáritas Federadas da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela - Cáritas Federadas en Galicia
Tlfno.: 981 554 433
Corrreo electrónico: federacion@caritasgalicia.es
E se requires de máis información, podes consultar o seguinte folleto informativo do Programa: