As cartas de presentación son un complemento ao CV e serven como introdución e confirmación deste. Nelas especifícanse as tarefas ou actividades que sabes facer e aquelas que che gustaría realizar en relación coa oferta ou o posto de emprego ao que te presentas.

Aínda que hai persoas dedicadas á selección que prefiren prescindir delas, a moitas outras lles parece interesante ler o que a persoa candidata sintetiza nelas, polo que en todo caso, é importante saber elaboralas.

Os obxectivos da carta de presentación

  • Provocar o interese do destinatario para que lea con atención o teu CV.

  • Expor brevemente a túa capacidade profesional e as túas expectativas.

  • Expor o teu desexo de manter unha entrevista e participar nas probas selectivas.

Consellos para a redacción da carta de presentación

  • Non debe ocupar máis de dous ou tres parágrafos de extensión e sen moito texto, xa que doutro xeito é pouco probable que se paren a lela.

  • Os contidos deben ser moi claros e precisos.

  • Coida a redacción, ortografía e presentación. Consulta con alguén se non estás seguro.

  • Tanto se a envías por correo electrónico como por correo postal ou a entregas en man, é conveniente que a carta se dirixa a unha persoa concreta para asegurarse que chegue ao seu destino. Se non coñecemos o nome da persoa responsable, diríxea ao departamento ou á dirección de persoal ou á persoa responsable do proceso de selección correspondente.

  • Utiliza unha linguaxe clara, cordial, positiva e respectuosa.

  • Describe as túas competencias e logros sen pedantería. Non repitas o que xa aparece no currículo, remarca os aspectos máis destacables.