O Programa Retorna Cualifica Emprego centra o seu desenvolvemento na aposta decidida da Xunta de Galicia por dar ás persoas que tiveron que emigrar, así como á súa descendencia, a oportunidade de regresar a Galicia e poder desenvolver un proxecto de vida nesta comunidade.
Para iso, cómpre facilitar que as persoas interesadas en retornar a Galicia dispoñan tanto de información como de formación que lles permita acadar a posibilidade de contar cunha oferta de traballo e chegar a Galicia coa garantía da súa inserción laboral.
Sendo así, a Xunta de Galicia ten publicado a Orde do 29 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas á realización do programa Retorna Cualifica Emprego e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025, posibilitando así contar co apoio de entidades xestoras do programa, que serán as entidades que levarán a cabo o seu desenvolvemento na súa integridade.
Para ser entidades xestoras, deberán ser entidades xurídicas privadas que cumpran os requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e que, ademais, reúnan as seguintes condicións:
a) Que carezan de fin de lucro. Considerarase que tamén carecen de fin de lucro aquelas entidades que desenvolvan actividades de carácter comercial, sempre que os beneficios resultantes destas se invistan na súa totalidade no cumprimento dos seus fins institucionais non comerciais.
b) Que teñan plena capacidade de obrar e acrediten a seguinte solvencia económica, financeira e técnica ou profesional, segundo se establece na Orde.
A dita publicación da Orde pódese consultar no seguinte enlace:
Accións a desenvolver
As entidades xestoras elixidas desenvolverán as accións previstas nos tres eixes e nos termos que se establecen na Orde, que son os seguintes:
1. Eixe Divulgación e Comunicación
Este eixe ten como finalidade dar a coñecer o programa e as medidas que o integran, e comprende as seguintes accións:
a) Deseño, planificación e xestión de campañas de comunicación do programa (xornadas, foros...) tanto en Galicia como nos países en orixe sendo área xeográfica de referencia e prioritaria os países da Arxentina, O Uruguai, Venezuela, Cuba, O Brasil, Reino Unido, Francia, Alemaña e Suíza, sen prexuízo de que poida atenderse a demanda de calquera persoa que, reunindo os requisitos, poida residir noutro país. En todo caso, as accións de comunicación deberán ter a conformidade previa da Consellería e deberá ter lugar unha no primeiro trimestre de 2025 e outra dentro do segundo trimestre de 2025.
b) Divulgación e difusión do programa a través de diferentes canles e soportes de comunicación para dalo a coñecer e para buscar a implicación do tecido empresarial; en todo caso, calquera acción divulgativa deberá contar previamente coa conformidade da consellería e axustarse ás normas de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.
c) Promover as relacións coas entidades e organismos representativos da cidadanía galega no exterior para contribuír ao coñecemento do programa entre a poboación destinataria que poida estar interesada en participar.
d) Contactar coas empresas con centros de traballo en Galicia para detectar cales son os perfís demandados para os postos de traballo que poden ofrecer ao non estar sendo cubertos pola poboación residente actualmente en Galicia e que, polo tanto, están en condicións de ofrecer un contrato de traballo a aquelas persoas participantes no programa que, reunindo os requisitos, están interesadas en trasladarse a Galicia para ocupar ese posto de traballo.
e) Formalización dos compromisos coas empresas interesadas de ofertas de contratos de traballo para seren cubertas polas persoas participantes no programa que reúnan os requisitos e se axusten aos perfís demandados polas empresas e reservándose as empresas a competencia para realizar os procesos de selección habitual.
f) Preseleccionar nos seus países de orixe as persoas interesadas en participar no programa con base nos requisitos establecidos na Orde.
2. Eixe Formación - Cualificación
Este eixe ten como finalidade dotar dos recursos de formación e cualificación necesarios que poidan ser de interese para complementar a cualificación profesional que poida demandar o posto de traballo, deste xeito comprendería as seguintes accións:
a) Diagnose de empregabilidade: partindo da experiencia e formación que posúa a persoa preseleccionada, elaborarase un plan personalizado de cualificación e empregabilidade en que se recollan aquelas competencias e capacidades que poida ser necesario completar cara a obtención do posto de traballo, polo tanto, nese plan personalizado, no que atinxe ao ámbito de formación, poderá comprender diferentes tipoloxías desde formación como se detallan na seguinte letra.
b) Formación/Cualificación:
b.1) Formación en competencias clave nivel 2 e nivel 3: ten como obxectivo que aquelas persoas que desexen contar cunha vía para poder realizar en Galicia accións formativas conducentes a certificados profesionais para así non ter que agardar a ter homologados os seus estudos poidan realizar esta formación no seu país de orixe a través dos recursos formativos dispoñibles no campus virtual da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, coa posibilidade de realizar as probas de superación que lles permitan obter a certificación de ter superadas as competencias clave de nivel 2 ou de nivel 3.
A actuación no que atinxe a esta formación por parte da entidade beneficiaria consistirá en difundir entre a poboación interesada a posibilidade de acceder de xeito libre e gratuíto aos contidos formativos que están dispoñibles no campus virtual da Consellería e que conta, ademais, cun servizo de titorización.
b.2) Accións formativas relacionadas co sector produtivo e posto de traballo ofertado pola empresa, xa que terá como obxectivo reforzar a capacitación profesional da persoa permitíndolle adquirir, actualizar, reciclar e completar o perfil de competencias profesionais axeitados a ese posto de traballo que se lle oferte.
b.3) Competencias dixitais: desenvolvemento das destrezas necesarias para empregar as TIC como ferramenta no ámbito laboral (creación de correo electrónico, uso de navegadores da internet…).
b.4) Habilidades brandas (traballo colaborativo e en equipo, comunicación, negociación, xestión do estrés, creatividade, capacidade de adaptación, flexibilidade, actitudes...).
No que atinxe á formación das epígrfes b.2+b.3+b.4, o número máximo de horas impartidas das ditas epígrafes por participante non poderá superar en total as 100, coa distribución desas horas entre bloques que se considere axeitada en función do perfil da persoa participante.
As accións de formación e cualificación que conteña o plan individualizado poderán ser realizadas pola persoa con carácter previo ao seu traslado a Galicia para ocupar o posto de traballo ofertado, ou unha vez estea xa incorporado ao dito posto de traballo.
3. Eixe Contratación
Este eixe ten como finalidade procurar a inserción laboral das persoas participantes e supón a realización dos trámites necesarios para a formalización do contrato de traballo ofertado por unha empresa das que teñan subscrito coa entidade beneficiaria un compromiso de contratación das persoas participantes no Programa Retorna Cualifica Emprego.
Por cada inserción laboral que se axuste aos requisitos establecidos nesta Orde, a entidade beneficiaria percibirá 1.980 euros.
Este eixe comprenderá as seguintes actuacións:
a) A entidade beneficiaria deberá contar co compromiso de contratación por parte de empresas que dispoñan de ofertas de emprego en Galicia susceptibles de ser ocupadas por persoas participantes no Programa Retorna Cualifica Emprego, e reservándose as empresas a realización dos seus procesos habituais de selección. No documento que formalice o compromiso deberá reflectirse información sobre perfís das persoas que se van contratar, descrición dos postos que se van cubrir, número de persoas para contratar, xornada e localización do centro de traballo.
En todo caso, a modalidade de contratación será contrato indefinido a tempo completo ou parcial e neste caso deberá ser, como mínimo, equivalente á media xornada dun/dunha traballador/a a tempo completo.
Coa presentación da solicitude de subvención as entidades deberán presentar a totalidade do número de compromisos de contratación a que se fai referencia na epígrafe 3.a) anterior, tendo en conta que o requisito mínimo para poder presentarse á presente convocatoria é de, polo menos, 40 compromisos de contratación.
b) Realización e/ou acompañamento, se é o caso, ás persoas seleccionadas para formalizar o contrato de traballo para tramitar todas as xestións necesarias para trasladarse a Galicia (expedición de documentos de viaxe necesarios, incluídos os billetes de traslado). Neste sentido, a entidade beneficiaria deberá informar por escrito as persoas das condicións (dereitos e obrigas) que implica a participación no programa e, sobre todo, das condicións da contratación que se lles ofrece, con carácter previo en todo caso á súa aceptación e traslado a Galicia.
c) Coordinación e seguimento coa empresa que oferta o posto de traballo ao respecto dos trámites que esta debe realizar para levar a cabo a contratación e que pode implicar que a empresa teña que solicitar directamente na área funcional de traballo e inmigración (oficinas de estranxeiría), as correspondentes autorizacións de residencia temporal e traballo por conta allea de duración determinada, cando sexa o caso.
d) Comprobación final previa ao traslado da persoa de que dispón de toda a documentación e permisos necesarios e en regra para poder trasladarse a Galicia e desenvolver o posto de traballo conforme a normativa vixente que sexa de aplicación.
e) Aboamento ás persoas que formalicen un contrato de traballo dunha axuda económica de 1.400 euros para cubrir os primeiros gastos de instalación en Galicia (alimentación, produtos hixiene, transportes diarios...). Este importe poderá ser aboado en dous pagamentos, segundo o considere a entidade beneficiaria á vista das circunstancias da persoa, de xeito que poderá aboarse un primeiro pagamento de 600 euros coa formalización do precontrato e un segundo pagamento de 800 euros coa formalización do contrato de traballo.
f) Aboamento ás persoas que formalicen un contrato de traballo e precisen de xeito inmediato formalizar un contrato de alugamento de vivenda, dun complemento económico de ata 1.800 euros para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións (luz, auga etc.); así mesmo, a entidade beneficiaria prestará información e asesoramento para que poidan acadar un aloxamento en réxime de alugamento ou por outras vías.
g) Aboamento ás persoas que formalicen un contrato de traballo dunha axuda para facilitar o acceso a unha vivenda en alugamento. O importe desta axuda será de 600 euros durante 3 meses como máximo e proporcional ao tempo que permaneza no programa. En casos excepcionais debidamente xustificados e con autorización previa da consellería, o dito importe poderá destinarse a sufragar os gastos de aloxamento noutro tipo de residencia por un tempo máximo de 3 meses. En todo caso, as entidades beneficiarias deberán facilitar información á consellería sobre o acceso á vivenda das persoas retornadas e, para estes efectos, deberán requirirlles a estas persoas a documentación xustificativa pertinente.
h) Seguimento e acompañamento das persoas contratadas desde o inicio da súa relación laboral ata a finalización do programa e que poderá realizarse por distintos medios (teléfono, correo electrónico, videoconferencia, etc.) pero da que deberá quedar constancia mediante documentación acreditativa que permita comprobar que se realizou ese seguimento e acompañamento.
Presentación de solicitudes
As entidades que así o desexen poderán presentar a súa solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, á que se pode acceder no seguinte enlace.
Acceso Sede Electrónica TR380A
Esta obrigación de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.
As entidades beneficiarias realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:
a) Relación doutras axudas concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto ou conceptos obxecto de solicitude.
b) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.
c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
f) Que a entidade solicitante coñece que as persoas ou empresas provedoras non poderán estar asociadas nin vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvenciones de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.
g) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.
h) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con toda as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados.
i) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
j) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.
k) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
l) Cumprir os requisitos establecidos no artigo 6 da Orde, sen prexuízo da súa verificación ou acreditación posterior.
Documentación complementaria
As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude da axuda (anexo I) a seguinte documentación: a) Escritura de constitución e/ou modificación.
b) Poderes acreditativos da representación da persoa que asina a solicitude de participación.
c) Proposta técnica.
d) Descrición dos recursos humanos destinados ao programa indicando as titulacións académicas e as funcións que se van desenvolver.
e) Declaración dos recursos materiais e instalacións de que dispoña a entidade para a realización do programa.
f) Compromisos de contratación por parte de empresas que dispoñan de ofertas de emprego en Galicia susceptibles de seren ocupadas por persoas participantes no Programa Retorna Cualifica Emprego, tendo en conta o disposto no artigo 6.1.b.2.i) da presente orde no que atinxe ao número mínimo de compromisos exixibles para poder participar na presente convocatoria.
g) Calquera outra documentación que a entidade solicitante considere de interese en relación co obxecto da subvención.
Para rematar, afondando na información para este tipo de entidades, a través do seguinte botón pódese acceder á infografía informativa realizada: