Logotipo lanzadeiras conecta empregoSe estás en paro e estás a buscar traballo, animámosche a participar nas novas Lanzadeiras Conecta Emprego da Coruña, Arteixo e Santiago de Compostela.

Esta iniciativa, totalmente gratuíta para as persoas participantes, está impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Fundación Santa María la Real e Fundación Telefónica, co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, dentro do Programa Operativo POISES.

Lanzadeiras Conecta Emprego presenta dúas grandes actividades cunha transformación dixital progresiva:

1. ALFABETIZACIÓN DIXITAL

Curso dun mes de duración para mellorar habilidades dixitais básicas para a busca de emprego.

Trátase de adestrar a 10 persoas desempregadas con escasas competencias dixitais que necesitan adquirir competencias básicas para non quedar atrás na busca de traballo.

2. LANZADEIRA CONECTA EMPREGO

Trátase de adestrar a 20 persoas desempregadas para activar e optimizar a súa procura de traballo, probando novas técnicas e ferramentas, acordes ao novo mercado laboral e ás necesidades das empresas.

Contarase coa axuda dun/a técnico/a e orientador/a profesional e estarase tamén con outras persoas desempregadas, que se axudarán mutuamente a buscar traballo.

Xuntos/as, as oportunidades multiplícanse!

Cada persoa deberá elixir unha opción, en función do seu nivel de competencias dixitais. Cada actividade é diferente con actividades, contidos, metodoloxía e duración diferentes.

Que actividades se farán na Lanzadeira?

  • Aprenderase a actualizar o currículo e adestrarse en procesos de selección reais, con simulacións de entrevistas de traballo.
  • Coñeceranse novas técnicas de comunicación e marca persoal, para saber presentarse mellor a un posto de traballo.
  • Reforzarase a procura de emprego na Internet, en portais de emprego e redes sociais, con talleres para manexalas correctamente.
  • Todos xuntos faran un rastrexo de empresas da contorna e se visitarán para dalos a coñecer como profesionais.

Que resultados teñen as Lanzadeiras de Emprego?

Con este esquema funcionaron máis de 500 Lanzadeiras de Emprego por todo o país, con máis de 11.000 participantes, dos cales o 60% conseguiron modificar e mellorar a súa situación laboral: atopando un traballo por conta allea, promovendo o seu propio negocio ou realizando Certificados de Profesionalidade que levaban prácticas laborais. 

Quen pode participar?

Poderán participar homes e mulleres con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos que se atopen en situación de desemprego.

Poden ter calquera nivel de estudos (Sen estudos, Graduado escolar, ESO, Formación Profesional, Bacharelato, estudos universitarios, …) e proceder de calquera sector laboral, teñan ou non experiencia previa.

ANÍMASTE A PARTICIPAR?

1. Alfabetización dixital

Dispós ata o 3 de marzo para inscribirte na web do programa Lanzadeiras:

Inscrición Alfabetización Dixital

ou en formato presencial solicitando, enchendo e entregando o correspondente formulario de inscrición en:

  • A Coruña e Arteixo

Oficina de Emprego Galicia de Coruña Centro

Rúa Orillamar 78

Horario: de 9 a 14 horas

Teléfono: 881 960 594

  • Santiago de Compostela

Oficina de Emprego Galicia de Santiago - Centro

Rúa Ramón Piñeiro, 7-9

Horario: de 9 a 14 horas

Teléfono 881 866 375

2. Lanzadeira Conecta Emprego

Dispós do 3 de marzo e ata o 27 de abril para inscribirte na web do programa Lanzadeiras:

Inscrición Conecta Emprego

ou en formato presencial nas oficinas de emprego anteriormente indicadas.

(*) Segundo o recollido nas bases da convocatoria e aprobado nos convenios alcanzados en cada unha destas cidades, unha vez superadas as 500 inscricións, Fundación Santa María la Real resérvase o dereito de pechar o prazo de inscrición antes da data oficialmente anunciada.

Notas importantes ante preguntas frecuentes das persoas usuarias

  • A Lanzadeira de emprego NON é un mero curso para actualizar o CV, senón un programa máis completo e intensivo no que se aprende a buscar traballo tendo en conta as coordenadas laborais actuais.
  • A Lanzadeira de emprego NON é unha axencia de colocación na que se dan ofertas de traballo, senón que os seus vinte participantes axudaranse mutuamente a buscar traballo. Non haberá competencia senón cultura colaborativa para saír da fochanca do desemprego.
  • A participación na Lanzadeira de Emprego é voluntaria, non está suxeita ou condicionada polo mantemento dunha axuda ou prestación. Poderán participar as persoas que cumpran os requisitos e que así o desexen, cumprindo as normas de asistencia e compromiso de colaboración.
  • A participación na Lanzadeira de Emprego é gratuíta. As persoas que integren o programa non terán que pagar nada pola formación que reciban durante este período; pero tampouco recibirán remuneración algunha.