A Xunta de Galicia continúa apoiando ás empresas con centros de traballo en Galicia para axudarlles na busca do talento que precisan para facer fronte aos seus retos futuros, ao tempo que se lles dá unha nova oportunidade ás persoas que tiveron que emigrar así como a súa descendencia, para regresar a Galicia e poder desenvolver un proxecto de vida nesta comunidade. Para iso cómpre facilitar que as persoas interesadas en retornar a Galicia dispoñan tanto de información como de formación que lles permita contar cunha oferta de traballo e chegar a Galicia coa garantía da súa inserción laboral. Estes son precisamente os obxectivos do Programa Retorna Cualifica Emprego.
Por iso, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pon en marcha o Programa Retorna Cualifica Emprego coa publicación da Orde do 29 de novembro de 2024 (DOG núm. 236 do 09/12/24) pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas a realización do Programa Retorna Cualifica Emprego e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.
A través das entidades beneficiarias das subvencións deberase levar a cabo o desenvolvemento do Programa na súa integridade, é dicir, desenvolverán as accións para permitir o regreso de 200 galegas e galegos menores de 55 anos residentes no exterior e que irá acompañado dun plan personalizado de cualificación e empregabilidade así como de recursos de formación e a formalización do correspondente contrato de traballo, incluíndo axudas económicas para atender as súas primeiras necesidades en Galicia e para facilitar o seu acceso a unha vivienda en aluguer.
Por último, a continuación tes información adicional na infografía explicativa que se ten deseñado para o Programa: