

EMi, Emprego Intelixente, é unha ferramenta tecnolóxica implantada en todas as oficinas de emprego de Galicia que conxuga datos, coñecemento e analítica para axudar a mellorar a calidade do servizo que presta Emprego Galicia.
EMi conxuga as capacidades previas de explotación do histórico de formación e experiencia laboral cun novo enfoque baseado en coñecer e comprender ás persoas, as empresas e as políticas a través dunha linguaxe común: as competencias e habilidades ofertadas e demandadas. A través deste modelo de xestión en base a competencias, visión de mercado, xeración de servizos dixitais e aplicación de IA achégase máis información aos/ás orientadores/as para que poidan mellorar as súas recomendacións, axudando a persoas demandantes e empresas a tomar mellores decisións.
A misión de EMi é ofrecer máis información e de maior calidade aos distintos axentes que interveñen no mercado de traballo (equipo de orientación, demandantes de emprego, empresas…). En ningún momento substitúe a existente nin elimina o proceso de decisión destes axentes en relación coa mesma (que información se ofrece, que opcións se elixen…)
|
EMi aprende día a día das decisións que, de forma anonimizada, van adoptando as súas persoas usuarias para poder ofrecer cada vez mellores opcións nas súas propostas e facilitar deste xeito a operativa, aínda que sempre será información adicional á que se usa neste momento e sometida ao criterio e decisión dos distintos usuarios da ferramenta.
EMI atópase en proceso de desenvolvemento e en breve espera poder contar con moitas máis utilidades en aras de mellorar a calidade do servizo de Emprego Galicia.
Transparencia: Unha vez finalizado o seu encontro co/a orientador/a, a persoa demandante terá á súa disposición (en papel ou por correo electrónico) o resultado do proceso do seu perfilado por competencias, entre outra información de utilidade. Está previsto que, en futuras versións, a persoa demandante poida acceder e editar ese perfilado e mesmo elaborar currículos adaptados ás ofertas laborais coa axuda dun asistente virtual.
|
Vantaxes para as persoas demandantes de emprego
- Adquirir un amplo coñecemento das súas competencias actuais e as diversas posibilidades que estas lle proporcionan para acceder a ocupacións alternativas ás que se derivan directamente da súa experiencia laboral ou da súa formación.
- Coñecer que competencias necesita adquirir para mellorar as súas posibilidades de conseguir un emprego naquelas ocupacións nas que teña interese.
- Obter información precisa sobre accións formativas para adquirir novas competencias (cales son e onde se imparten) ou para reforzar as actuais de modo que poida mellorar a súa empregabilidade en xeral e a súa ocupabilidad en particular.
- Obter información actualizada do mercado de traballo (ofertas, demandantes, contratacións…) e predicións realizadas con intelixencia artificial no ámbito territorial do seu interese en relación coas súas ocupacións obxectivo.
- Coñecer o nome das empresas que máis están a contratar nese territorio para cada unha desas ocupacións.
Vantaxes para as empresas
- Ter acceso a unha maior variedade de posibles candidaturas que poidan cubrir o posto ofertado, sobre todo naquelas ocupacións de máis difícil cobertura, grazas á sondaxe a través das competencias e non só a través da experiencia ou a formación.
- Dispoñer dunha oferta formativa máis adaptada ás súas necesidades grazas á identificación das competencias concretas que non están cubertas en cada momento e en cada territorio, así como aquelas máis demandadas polas empresas.
- Poder contar con Emprego Galicia como un socio de confianza e altamente eficiente á hora de localizar talento.
Vantaxes para os/as profesionais de Emprego Galicia
- Dispoñer dunha ferramenta na que apoiarse para dar máis opcións e información a demandantes de emprego e empresas e, deste xeito, poder axudarlles a tomar decisións máis fundamentadas.
- Poder prestar un servizo de orientación máis personalizado, áxil e eficaz ás persoas usuarias.
- Dispoñer dun coñecemento preciso do mercado de traballo e das necesidades das empresas.
Vantaxes para a Administración
- Favorecer a inserción laboral das persoas con maiores dificultades ao facilitar o acceso a máis oportunidades de emprego e de formación.
- Mellorar a competitividade das empresas e promover o progreso económico ao facilitar a conexión entre a oferta e a demanda laboral.
- Optimizar as políticas activas de emprego ao dispoñer de maior e mellor información sobre o mercado laboral, as súas necesidades, carencias, perspectivas… a nivel territorial e sectorial.
- Detección das necesidades formativas a programar de forma prioritaria en cada territorio con base nas competencias requiridas e a información das persoas perfiladas nesa zona.
- Mellora continua da calidade do servizo prestado por Emprego Galicia e da súa percepción por parte da sociedade (tanto demandantes de emprego como empresas).