Desde marzo de 2020, como consecuencia da situación producida pola pandemia orixinada polo COVID-19, a renovación da demanda de emprego veuse realizando de xeito automático, non obstante, a partir del 1 de xaneiro de 2021 será preciso volver a renovar nas datas indicadas no teu documento informativo de renovación de demanda.

Para facilitar o cumprimento deste trámite, e para que non teñas que achegarte a túa oficina de emprego, Emprego Galicia pon en marcha unha nova canle: a renovación da demanda de emprego tamén mediante un número persoal de identificación (habitualmente coñecido como PIN).

Con esta vía adicional para a renovación da demanda, Emprego Galicia busca facilitar aínda máis a súa realización, engadíndose así á renovación a través da Oficina virtual do portal de emprego, a través da aplicación Mobem (para dispositivos móbiles) e a través dos puntos de información que se atopan espallados pola maioría dos concellos de Galicia.

Envío do número PIN

Este PIN (número persoal de identificación), composto por catro cifras, envíase por correo electrónico a todas aquelas persoas demandantes que teñan rexistrado un na súa demanda de emprego. Lembra que o dito PIN é persoal e intrasferible.

Ademais, se non tes unha conta de correo electrónico asociada á túa demanda, recibirás unha mensaxe SMS no teléfono móbil que teñas asociado á túa demanda de emprego.

Por iso, non esquezas que é moi importante que manteñas actualizados os datos persoais da túa demanda de emprego.

Como renovar a demanda de emprego mediante o PIN

Unha vez que teñas o teu PIN poderás renovar a túa demanda de emprego mediante unha chamada ao 012 (981 900 643 se chamas desde fóra de Galicia) ou a través deste portal web pulsando no seguinte enlace (dispoñible desde o 1 de xaneiro).

Renovación con PIN