Depósito de contas anuais
PASOS PARA SOLICITAR O DEPÓSITO DE CONTAS ANUAIS DE COOPERATIVAS
A representación legal da entidade cooperativa solicitará ante o Rexistro de Cooperativas o depósito das contas anuais, achegando a seguinte documentación asinada electronicamente que deberá presentarse na Sede Electrónica da Xunta de Galicia a través do procedemento específico TR814E:
- Solicitude (TR814E) de depósito de contas anuais.
- Certificación da acta da Asemblea Xeral de aprobación de contas e distribución ou imputación de resultados, asinada electronicamente polas persoas que exerzan no caso que corresponda: a presidencia e a secretaria, ou a administración única ou o órgano de liquidación da cooperativa.
- As contas anuais aprobadas pola asemblea xeral no modelo que lle corresponda (normal, abreviados o para PEMEs) asinadas electronicamente por quen exerza no caso que corresponda: a presidencia e a secretaria, ou a administración única ou o órgano de liquidación da cooperativa. Os modelos de contas anuais en formato dixital poden obterse desde aquí, no seguinte documento adxunto de excel.
- Informe de xestión asinado electronicamente polas persoas que exerzan, no caso que corresponda: a presidencia e a secretaria, ou a administración única ou o órgano de liquidación da cooperativa.
- Informe das persoas interventoras, de ser o caso, ou informe de auditoría externa, de ser o caso asinado electronicamente. Este informe non o firman nin a presidencia nin a secretaría da Cooperativa xa que a intervención e a fiscalización das contas anuais con carácter previo á súa aprobación pola asemblea xeral é unha función que deben exercer de xeito independente as persoas interventoras e, no seu caso, as persoas auditoras para garantir que a información contida nas contas anuais (patrimonial, financeira¿) reflicte a imaxe fiel da cooperativa.
- Certificación acreditativa do número de persoas socias, especificando as altas e baixas producidas durante o exercicio, asinada electronicamente por quen exerza no caso que corresponda: a presidencia e a secretaria, ou a administración única ou o órgano de liquidación da cooperativa.
INFORMACIÓN DE INTERESE
As cooperativas deben levar unha contabilidade ordenada e adecuada á súa actividade, e presentar as contas anuais para o seu depósito no Rexistro de Cooperativas competente, dentro do prazo de dous meses, contados dende a súa aprobación pola Asemblea Xeral, que deberá reunirse dentro dos seis primeiros meses dende que se pecha o exercicio económico.
O "Instituto de Contabilidad y Auditoria de Cuentas (ICAC)" aprobou os modelos de contas anuais para as sociedades cooperativas na Orde EHA/3360/2010, do 21 de decembro.
Existen 3 tipos de modelos nos que as cooperativas poden presentar as súas contas anuais, en función de determinados límites cuantitativos:
A) Modelos normais de contas anuais
B) Modelos abreviados de contas anuais
C) Modelos PEMEs de contas anuais
Modelos de contas anuais normais
As sociedades cooperativas deben presentar as súas contas anuais nos modelos normais, salvo que cumpran os requisitos para poder presentalas nos modelos abreviados ou de PEMEs.
Modelos de contas anuais abreviadas
As sociedades cooperativas poderán utilizar os modelos de contas anuais abreviados, se son de reducido tamaño. Máis concretamente cando se cumpran os seguintes requisitos:
a) Balance e memoria abreviados (de acordo co Real decreto 602/2016, do 2 de decembro, polo que se modifican o Plan Xeral de Contabilidade aprobado polo Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro): se durante dous exercicios consecutivos, a sociedade cooperativa concurre, na data de peche de cada un dos exercicios, en polo menos, dúas das seguintes circunstancias:
a1) Que o total das partidas do activo non supere os 4.000.000 euros. Para estes efectos, entenderase por total activo o total que figura no modelo do balance.
a2) Que o importe neto da súa cifra anual de negocios non supere os 8.000.000 euros.
a3) Que o número medio de traballadores empregados durante o exercicio non sexa superior a 50.
De acordo co citado Real decreto 602/2016, de aplicación para os exercicios que se inicien a parir do 1 de xaneiro de 2016, para aquelas entidades que poidan formular balance, conta de perdas e ganancias e memoria en modelo abreviado, o estado de cambios no patrimonio neto e o estado de fluxos de efectivo non serán obrigatorios. |
b) Conta de perdas e ganancias abreviada: se durante dous exercicios consecutivos, a sociedade cooperativa concurre, na data de peche de cada un dos exercicios, en polo menos, dúas das seguintes circunstancias:
b1) Que o total das partidas do activo non supere os 11.400.000 euros. Para estes efectos, entenderase por total activo o total que figura no modelo do balance.
b2) Que o importe neto da súa cifra anual de negocios non supere os 22.800.000 euros.
b3) Que o número medio de traballadores empregados durante o exercicio non sexa superior a 250.
As sociedades cooperativas perderán a posibilidade de presentar modelos de contas anuais abreviados, se deixan de reunir, durante dous exercicios consecutivos, dúas das circunstancias sinaladas anteriormente.
Modelos de contas anuais para PEMEs
As sociedades cooperativas poderán utilizar os modelos de contas anuais para PEMES se durante dous exercicios consecutivos concurren, na data de peche do exercicio, polo menos dúas das seguintes circunstancias:
- Que o total das partidas do activo non supere os 4.000.000 euros. A estes efectos, entenderase por total activo o total que figura no modelo do balance.
- Que o importe neto da súa cifra anual de negocios non supere os 8.000.000 euros.
- Que o número medio de traballadores empregados durante o exercicio non sexa superior a 50.
De acordo co citado Real Decreto 602/2016, de aplicación para os exercicios que se inicien a parir do 1 de xaneiro de 2016, para aquelas entidades que poidan formular Balance, conta de perdas e ganancias, e Memoria en modelo PEMEs, o Estado de Cambios no Patrimonio Neto e o Estado de Fluxos de Efectivo non serán obrigatorios |
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Edif. Administrativo San Lázaro
15781 SANTIAGO DE COMPOSTELA
Telf: 981 545 540
Fax: 981 957 748
Localizar en Google Maps