O Programa Bono Talento Empresa é unha liña de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinado a apoiar proxectos de formación non formal mediante a realización de accións formativas de curta duración (entre 16 e 100 horas) que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal dos centros de traballo en Galicia, onde se deberán desenvolver as actividades subvencionadas.

Persoas beneficiarias

As entidades que poden ser beneficiarias destas axudas son:

  • Microempresas, pequenas e medianas empresas (PEMES) e grandes empresas validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, dende tres anos antes da data de publicación da convocatoria desta axuda.
  • Persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo a persoas traballadoras por conta allea, inscritas no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou no Réxime Especial de Traballadores do Mar por conta propia, cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria desta axuda.

Accións formativas subvencionables

As accións formativas deben ser en modalidade presencial, podendo impartirse mediante aula virtual a través do Campus Virtual de Formación para o Emprego, e orientarse á adquisición de competencias nos ámbitos de capacitación detectados como prioritarios no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego:

  • Competencias dixitais, dende a dixitalización básica, ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados e a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.
  • Competencias do ámbito asistencial, na prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e a maiores, entre outros), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar entre outros.
  • Competencias en procesos industriais na manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ouinterpretación de documentación ou diagramas técnicos, etc.
  • Competencias vinculadas á xestión empresarial, xestión de persoas e equipos (RR.HH. e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), xestión eficiente dos recursos, toma de decisións, planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas,financeiras e contables, etc.
  • Competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promocionar,
    vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia postventa, xestión de reclamacións, etc.) e á atención telefónica.

As accións solicitadas non deben atoparse incluídas na oferta de formación recollida no Catálogo de Especialidades Formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), que se pode consultar a través do seguinte enlace:

Buscador Catálogo

O proxecto formativo estará integrado por un máximo de tres accións formativas, presentando un anexo II por cada unha delas, detallando entre outros: obxectivos, contidos, duración, perfil das persoas participantes e das docentes, calendario, probas de coñecementos e criterios de valoración.

Prazo de solicitude da axuda

O prazo para solicitar a axuda é do 26 de xuño ao 16 de setembro de 2024.

Prazo de execución das accións formativas

O prazo para executar as accións formativas será o seguinte:

  • Accións a desenvolver só no 2024: Deberanse realizar entre o día seguinte da publicación desta axuda e o 15 de novembro de 2024.
  • Accións a desenvolver no 2024 e 2025 ou só no 2025: Poderanse realizar desde o 16 de novembro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025.

Contía da subvención

Atendendo á tipoloxía da actividade subvencionable a contía da subvención determinarase e cuantificarase a través de módulos, resultado da suma de:

  • 16,70 €/hora de formación polo nº de persoas asalariadas da entidade beneficiaria que realicen a acción formativa.
  • 17,93 €/hora de formación para cubrir o salario aboado ás persoas asalariadas polo número de persoas asalariadas da entidade solicitante que participen na acción.

O gasto máximo subvencionable será a suma dos gastos máximos subvencionables das accións formativas que o comprenden.

A intensidade máxima da axuda estará limitada ao 70% dos custos subvencionables para as micro e pequenas empresas, ao 60% para as medianas empresas e o 50% para as grandes empresas.

A contía máxima de subvención é de 25.000€ por persoa solicitante.

Para máis información, no seguinte enlace se pode acceder á páxina web dos Bonos Talento Empresa dentro do Portal da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración:

Páxina web Bonos Talento Empresa

Por último, para completar a información anterior, acompáñase unha infografía resumo para facilitar a súa comprensión.

Infografía resumo